Día das Letras Galegas:
Este ano adicado a Xosé María Díaz
de Castro, poeta e tradutor galego nado no lugar do Vilariño (Os
Vilares, Guitiriz) en 1914 e finado en Lugo en 1990.
Na súa obra mostra reflexións
acerca do destino, a preocupación existencial e relixiosa e a
natureza.
O poemario Nimbos, editado en Vigo
por Galaxia o 9 de xullo de 1961, é o seu legado máis valioso,
tendo moitísma influencia nos poetas posteriores pola súa
perfección, pola preocupación por Galicia e polos problemas básicos
do ser humano, a vida, a morte e o tempo.
O seu poema máis coñecido é
Penélope, no cal establece un paralelismo entre Galicia e Penélope,
a muller que tecía de día e desfacía de noite. Este personaxe xa
fora empregado na literatura galega por Rosalía no poema "Tecin
soya á miña tea", do libro Follas novas. Reflexiona así sobre
unha Galicia durmida, pero con lugar á esperanza.
A voz poética de Díaz Castro
apóiase nunha linguaxe rica e exacta, da que xurde a xusteza da
imaxe e o fondo poder evocador que se desprende dos seus versos. Os
temas, que aparecen sempre envoltos na roupaxe elegante dun
clasicismo exemplar, son os da grande poesía universal: a dor do
home, o amor, a paisaxe, os sentimentos relixiosos, a liberdade...
Carvalho Calero dixo que Nimbos veu restaurar na literatura galega a
poesía total.
Penélope
Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.
Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.
Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.
Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡ Un paso adiante e outro atrás, Galiza!
DÍAZ CASTRO, José María, Nimbos, Vigo,
Editorial Galaxia, 1961.
Para saber máis:
Área Internacional
Instituto Europeo Campus Stellae
www.campus-stellae.com
info@campus-stellae.com
Teléfono: +0034 981522788
No hay comentarios:
Publicar un comentario